Como ilusionados obreiros, a sociedade esforzouse en construir as paredes da democracia para protexerse das inxustizas e dos abusos que noutras épocas sufriu a liberdade. Pero, onde está esa liberdade? Porque a democracia  parece que non fixo máis que preparar o terreno para que medrasen os corruptos e outras bicharadas políticas. Quizais pouco políticas algunhas, pero sí moi bicharadas. (...presuntamente).

Aquel pensamento de liberdade, aquela esperanza de construir un país próspero, tranquilo, varrendo a borralla do antonte, aquela ilusión de ir cara unha sociedade máis xusta, acabou por trocarse en rabia e noxo. E ata en sentimento de culpa por non saber, ou non querer, (se alguén pensa que tamén por non poder, trabucase!, porque poder sí se pode), domar as feras políticas, (corruptas ou non corruptas), que destinan as nosas vidas, e que cada vez máis, nos están lembrando, (aos que podemos lembrar), as torturas infrinxidas á libertade polo non tan antigo réxime.

En fin, a esperanza segue aí, no corazón e no espírito, esperando que  algún día  chegue a cordura e entre todos reforcemos as febles paredes e prescindamos (Deus nos axude!), dos corruptos, (e outras bicherias políticas), e asi poidamos crear, por fin, un país e unha sociedade máis xusta. Entón podermos trazar a bandeira da nova era patria. A era dunha sociedade máis humana.
Remato cunha versión libre dun refrán que lle dedico aos, de momento e "presuntamente", decentes políticos: 
"O que con cartos públicos se deita, corrupto se levanta"

FONTE; El Correo Gallego